RESOLUCIÓN do 12 de xuño de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade, pola que se dá publicidade do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionado polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade.
Diario Oficial De Galicia Do 13 De Xuño DE 2020-.
2.1. MEDIDAS DE HIXIENE E PREVENCIÓN ESIXIBLES A TODAS AS ACTIVIDADES.
Con carácter xeral, sen prexuízo das normas ou protocolos específicos que se establezan, serán aplicables a todos os establecementos, locais de negocio, instalacións e espazos de uso público e actividades de carácter público as seguintes medidas de hixiene e prevención:
a) O titular da actividade económica ou, de ser o caso, o director ou responsable dos centros, instalacións, espazos de uso público e entidades deberá asegurar que se adoptan as medidas de limpeza e desinfección adecuadas ás características e intensidade de uso dos establecementos, locais, instalacións ou espazos recollidas a continuación.
Nas tarefas de limpeza e desinfección prestarase especial atención ás zonas de uso común e ás superficies de contacto máis frecuentes, como pomos de portas, mesas, mobles, pasamáns, chans, teléfonos, perchas e outros elementos de similares características, conforme as seguintes pautas:
1ª) Utilizaranse desinfectantes como dilucións de lixivia (1:50) recentemente preparada ou calquera dos desinfectantes con actividade viricida que se atopan no mercado e debidamente autorizados e rexistrados. No uso dese produto respectaranse as indicacións da etiqueta.
2ª) Tras cada limpeza, os materiais empregados e os equipamentos de protección utilizados desbotaranse de xeito seguro, e procederase posteriormente ao lavado de mans.
As medidas de limpeza estenderanse tamén, de ser o caso, a zonas privadas dos traballadores, tales como vestiarios, armarios, aseos, cociñas e áreas de descanso.
b) Así mesmo, cando existan postos de traballo compartidos por máis dun traballador, estableceranse os mecanismos e procesos oportunos para garantir a hixienización destes postos.
Procurarase que os equipamentos ou ferramentas empregados sexan persoais e intransferibles, ou que as partes en contacto directo co corpo da persoa dispoñan de elementos substituíbles. No caso daqueles equipamentos que deban ser manipulados por diferente persoal, procurarase a dispoñibilidade de materiais de protección ou o uso de forma recorrente de xeles hidroalcohólicos ou desinfectantes con carácter previo e posterior ao seu uso.
c) No caso de que se empreguen uniformes ou roupa de traballo, procederase ao lavado e desinfección regular destes, seguindo o procedemento habitual.
d) Débense realizar tarefas de ventilación periódica nas instalacións e, como mínimo, de forma diaria e durante o tempo necesario para permitir a renovación do aire.
e) Cando os centros, entidades, locais e establecementos dispoñan de ascensor ou montacargas, utilizaranse preferentemente as escaleiras. Cando sexa necesario utilizalos, a súa ocupación máxima será dunha persoa, salvo que se trate de persoas conviventes ou que empreguen máscaras todos os ocupantes.
f) A ocupación máxima para o uso dos aseos, vestiarios, probadores, salas de lactación ou similares de clientes, visitantes ou usuarios será dunha persoa para espazos de ata catro metros cadrados, salvo naqueles supostos de persoas que poidan precisar asistencia; nese caso tamén se permitirá a utilización por parte do seu acompañante. Para aseos de máis de catro metros cadrados que conten con máis dunha cabina ou urinario, a ocupación máxima será do cincuenta por cento do número de cabinas e urinarios que teña a estancia, e deberá manterse durante o seu uso a distancia de seguridade interpersoal.
Deberá reforzarse a limpeza e desinfección dos referidos espazos garantindo sempre o seu estado de salubridade e hixiene.
g) Promoverase o pagamento con tarxeta ou outros medios que non supoñan contacto físico entre dispositivos, así como a limpeza e desinfección dos equipamentos precisos para iso.
h) Disporase de papeleiras para depositar panos e calquera outro material desbotable, que se deberán limpar de forma frecuente, e, polo menos, unha vez ao día.
i) Aqueles materiais que sexan subministrados aos usuarios durante o desenvolvemento da actividade e que sexan de uso compartido deberán ser desinfectados logo de cada uso.
2.2. MEDIDAS DE HIXIENE ESIXIBLES AOS ESTABLECEMENTOS E LOCAIS CON APERTURA AO PÚBLICO.
1. Os establecementos e locais que abran ao público realizarán, polo menos unha vez ao día, unha limpeza e desinfección das instalacións, con especial atención ás zonas de uso común e ás superficies de contacto máis frecuentes, conforme o establecido na letra a) do número 2.1.
2. Revisarase frecuentemente o funcionamento e a limpeza de sanitarios, billas e pomosde porta dos aseos nos establecementos e locais con apertura ao público.
3. Durante todo o proceso de atención ao usuario ou consumidor deberá manterse a distancia de seguridade interpersoal co vendedor ou provedor de servizos, que poderá ser dun metro cando se conte con elementos de protección ou barreira.
No caso de servizos que non permitan o mantemento da distancia de seguridade interpersoal, deberase utilizar o equipamento de protección adecuado ao nivel de risco que asegure a protección tanto do traballador como do cliente.
2.5. MEDIDAS RELATIVAS Á HIXIENE DOS CLIENTES E USUARIOS EN ESTABLECEMENTOS E LOCAIS.
1. O tempo de permanencia nos establecementos e locais será o estritamente necesario para que os clientes ou usuarios poidan realizar as súas compras ou recibir a prestación do servizo.
2. Deberá sinalarse de forma clara a distancia de seguridade interpersoal entre clientes ou usuarios, con marcas no chan, ou mediante o uso de balizas, cartelaría ou sinalización.
Poderanse establecer no local itinerarios para dirixir a circulación de clientes ou usuarios para evitar aglomeracións en determinadas zonas e previr o contacto entre clientes.
3. Deberanse pór á disposición do público dispensadores de xeles hidroalcohólicos ou desinfectantes con actividade viricida, debidamente autorizados e rexistrados, en lugares accesibles e visibles, e, en todo caso, na entrada do local ou establecemento, e deberán estar sempre en condicións de uso.
4. Non se poderán pór á disposición do público produtos de uso e proba que impliquen manipulación directa por sucesivos clientes ou usuarios, sen supervisión de xeito permanente dun traballador que poida proceder á súa desinfección tras a manipulación do produto por cada cliente ou usuario.
5. Nos establecementos do sector comercial téxtil, de arranxos de roupa e similares, os probadores deberaos utilizar unha única persoa e deberá procederse a unha limpeza e desinfección frecuente destes espazos.
No caso de que un cliente probe unha peza que posteriormente non adquira, o titular do establecemento implementará medidas para que a peza sexa hixienizada antes de que sexa facilitada a outros clientes. Esta medida será tamén aplicable ás devolucións de pezas que realicen os clientes.
6. No caso de utilización de obxectos que se intercambien entre os clientes ou usuarios, procurarase o uso de forma recorrente de xeles hidroalcohólicos ou desinfectantes con carácter previo e posterior ao seu uso. No entanto, estableceranse os mecanismos e procesos oportunos para garantir a hixienización destes obxectos.
7. Deberase proceder á limpeza e desinfección frecuente de calquera tipo de dispositivo, así como de cadeiras, mesas ou calquera outro mobiliario ou superficie de contacto que empreguen distintos usuarios.